EEUU volve recompensar o labor científico da investigadora María José Alonso

O Instituto Americano de Enxeñería Médica e Biolóxica acorda o seu ingreso como novo membro da institución, sumando un novo recoñecemento internacional á traxectoria da investigadora do CiMUS.


O CiMUS celebra un novo éxito internacional da investigadora do centro María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Onte, o prestixioso College of Fellows do Instituto Americano de Enxeñería Médica e Biolóxica (AIMBE, polas súas siglas en inglés), formalizou o seu ingreso como novo membro da institución, sumando así un novo recoñecemento á traxectoria da Profesora Alonso no país trala súa elección por parte da Academia Nacional de Medicina de EEUU en 2016.

O AIMBE (American Institute for Medical and Biological Engineering) é unha organización sen ánimo de lucro con sede en Washington D.C., que representa a 50.000 profesionais. O seu College of Fellows está integrado por uns 1.500 recoñecidos profesionais de prestixio, líderes, emprendedores e innovadores na área da enxeñería médica e biolóxica, e considerados artífices do 2% da investigación máis prestixiosa a nivel mundial neste campo. Deles, só o 5% son estranxeiros.

A cerimonia de ingreso tivo lugar en Washington no marco do Evento Anual desta sociedade, coa asistencia dos presidentes da US National Academy of Medicine, a American Academy of Sciences e a American Academy of Engineering. María José Alonso convértese así nun dos 150 membros destas tres academias que comparten a honra de integrar tamén o AIMBE’s College of Fellows, sendo a única científica española que o ten logrado ata hoxe.

Ciencia española no máis alto

Con este novo nomeamento, o American Institute for Medical and Biological Engineering reforza o papel protagonista da investigación española no campo da enxeñería biomédica, xa que só tres científicas pertencentes a institucións académicas do país son membros do seu prestixioso College of Fellows: Laura María Roa (Universidade de Sevilla), María Vallet-Regí (Universidade Complutense de Madrid) e, de agora en diante, María José Alonso (Universidade de Santiago de Compostela).

Sobre a institución

Fundado en 1991, a misión do AIMBE é fomentar o liderado nas áreas da enxeñería médica e biolóxica procurando o beneficio global da sociedade. Trátase dunha organización sen ánimo de lucro que representa ás institucións académicas, á industria privada a e as sociedades profesionais de enxeñería. O seu papel como interlocutor e promotor das cuestións de política pública está garantido pola súa College of Fellows (colexio de membros), composto por expertos en áreas como a práctica clínica, a práctica industrial ou a educación.

Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!