A USC adhírese ao protocolo de excelencia en RRHH de investigación deseñado pola UE

Na actualidade traballa na obtención do selo de calidade HR, de excelencia en recursos humanos de investigación, que unicamente ostentan catro universidades españolas.

A USC vén de adherirse á iniciativa HRS4R (Human Resources for Research), unha proposta da Comisión Europea para impulsar nas institucións de investigación a aplicación da Carta Europea do Investigador e do Código de Conduta para a Contratación de Investigadores. Estes documentos fixan criterios e recomendacións de carácter voluntario para a xestión dos recursos humanos no eido científico fixando os papeis, responsabilidades e dereitos dos investigadores e provedores de fondos.

Logo desta adhesión, a Universidade de Santiago está a traballar agora na obtención do selo de calidade HR Excellence in Research (Excelencia en Recursos Humanos de Investigación) co que a Comisión Europea identifica as institucións que contan con plans de actuación específicos neste eido. O obxectivo destes plans son desenvolver estratexias dirixidas á xeración dunha contorna estimulante e favorable na actividade cotiá dos investigadores, con especial atención a cuestións como os procesos de contratación, os dereitos laborais ou as posibilidade de conciliación da vida profesional e persoal, entre outros.

Nas institucións dotadas do selo HR, o persoal investigador traballará nunha organización que recoñeza e fortaleza os seus dereitos como profesional, que valore a súa experiencia noutras institucións nacionais e internacionais e que facilita a conciliación da súa vida persoal e laboral, entre outras consideracións. En España unha vintena de Universidades e un cento de institucións de investigacións xa teñen formalizado esta adhesión á iniciativa HRS4R, aínda que unicamente catro universidades e 44 organizacións investigadoras teñen acadado o logo HR. Para logralo, a USC está a realizar unha análise interna na que a implicación de toda a comunidade investigadora resulta fundamental.

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!