A spin-off S4SD proba un software pioneiro a nivel mundial que analiza interaccións moleculares complexas

A spinf-off «Software 4 Science Developments» (S4SD) acaba de lanzar o software de modelización e análise AFFINImeter, cuxo potencial mellora as capacidades das solucións que existen actualmente no mercado. S4SD é unha empresa de base tecnolóxica xurdida do grupo de Materia branda e biofísica molecular da USC.

Como explican os promotores deste novo software, a solución proposta simplifica o desenvolvemento de produtos eficaces en laboratorio. AFFINImeter é unha plataforma computacional para a análise de medidas de afinidade, agregación e disociación molecular, especificamente deseñada para estudar sistemas complexos, explica Ángel Piñeiro, cofundador e director científico de S4SD.

“Para estudar un sistema complexo –explica Ángel Piñeiro-, primeiro hai que desenvolver un modelo, o que implica á súa vez varias fases, dende a escritura das reaccións química, a súa tradución a ecuacións, a creación dun código informático que as resolva e a súa validación antes de levar a cabo a análise”. En conxunto, o proceso pode estenderse durante varios anos de traballo, aspecto no que o novo software ofrece unha gran vantaxe xa que “con nós, o investigador só debe ocuparse do primeiro paso, escribir as reaccións químicas, porque do resto xa se fai cargo AFFINImeter”.

Segundo os seus desenvolvedores, o punto forte desta plataforma é que complementa as funcionalidades dos software que os fabricantes introducen por defecto nos equipos de laboratorio. Habitualmente, estas aplicacións ofrecen aos investigadores menos de dez modelos diferentes. “Nós ofrecemos un número ilimitado mediante un construtor co que o investigador pode crear modelos específicos, definindo as reaccións químicas que lle interesa estudar”. Ademais, engade Ángel Piñeiro, “os resultados son plenamente fiables e non hai cabida a erros de cálculo que poidan falsear as conclusións dos experimentos.

No desenvolvemento desta aplicación, o grupo contou coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ofrecendo asesoramento técnico centrado na optimización da aplicación e na creación dunha interface web amigable, atractiva e fácil de usar.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.