A Rede de Centros Singulares de Campus Vida consolídase como referente de investigación en Galicia

CiQUS, CiMUS e CiTIUS obteñen máis da metade do fondo financiado pola Unión Europea e o goberno autonómico para apoiar a investigación universitaria de excelencia.


Preto de sete dos máis de trece millóns de euros mobilizados pola Xunta de Galicia para apoiar aos centros de investigación universitaria irán parar á Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago (RCSI-USC). A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quixo así recoñecer o esforzo realizado por estes centros perante as súas importantes contribucións científicas, acreditando o seu papel como motores do I+D no Sistema Universitario de Galicia (SUG).

As novas axudas dotarán aos centros da autonomía necesaria para financiar a súa actividade ata finais de 2019, permitindo implementar programas propios e competitivos de investigación e de xestión de talento  que reforcen o seu  papel tractor e a súa posición de liderado internacional nas respectivas áreas científicas de especialización.

Con este novo programa, resolto recentemente e publicado o pasado venres no Diario Oficial de Galicia (DOGA), conclúe o proceso de concorrencia competitiva posto en marcha pola Administración autonómica a finais do pasado verán, no que ademais do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas) e o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información), participaron outros 5 centros das universidades de A Coruña e Vigo

No seu fallo favorable, o comité avaliador tivo en conta criterios obxectivos, como a calidade científico-técnica dos centros concorrentes, a súa capacidade e características ou os seus proxectos estratéxicos de investigación, en consonancia cos retos fixados no Programa Marco Horizonte 2020 e a Estratexia de Especialización Inteligente RIS3 Galicia, promovendo asemade o retorno social a medio e longo prazo.

Ciencia excelente: unha inversión rendible

Os tres centros da RCSI percibirán un total de 6.720.000 euros ata 2020, unha cifra que representa máis da metade do importe global das axudas (13.273.750 euros). Trátase dun investimento cofinanciado pola UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que conta cunha dobre finalidade: por unha banda, recoñecer a excelencia das mellores unidades de investigación do SUG; por outra, garantir a súa viabilidade e estabilidade financeira nos vindeiros anos.

Deste xeito, os tres centros da rede terán garantida a súa sustentabilidade en función das necesidades de cada un deles (persoal,  infraestruturas, etc.), obtendo ao longo do período de axuda o apoio económico que precisan para continuar coa súa expansión: 2.800.000 € (CiQUS), 2.520.000 € (CiMUS) e 1.400.000 € (CiTIUS).

Entre os obxectivos definidos pola Xunta para apoiar o financiamento destes centros durante o período 2016-2019 non só figura o de fortalecer as súas capacidades científicas, senón tamén potenciar o liderado internacional da investigación desenvolvida en Galicia, impulsar a colaboración con novos socios académicos e industriais, ou facilitar a xeración de resultados de alto impacto científico, social e económico. O respaldo institucional pretende, ademais, contribuír á formación, atracción e incorporación de talento e incrementar a masa crítica do persoal investigador dos centros, favorecendo así que estes actúen como axentes tractores do sistema galego de I+D.

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!