A plataforma «Innopharma» procurará novos fármacos dende o CiMUS

O proxecto InnoPharma da Universidade de Santiago de Compostela desenvolve este luns 22 e o martes 23 no Centro de Estudos Avanzados da USC o seu primeiro workshop no que se estudan posibles maneiras de colaboración conxunta público-privadas entre a comunidade científica internacional e se discuten novos escenarios para o descubrimento de novos fármacos.

220914carracedolozaInnoPharma é unha iniciativa da USC financiada polo Fondo Tecnolóxico Europeo que potencia e integra as capacidades das plataformas de Xenotipado (Grupo de Medicina Xenómica) e de Cribado de Fármacos (grupo BioFarma) da USC dirixidas polos profesores Ángel Carracedo e Mabel Loza, respectivamente. O seu obxectivo é desenvolver actividades de investigación aplicada para xerar candidatos a fármacos innovadores nunha contorna de colaboración internacional.

Na xornada deste luns, que inaugurou o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, participaron numerosos especialistas que asistiron á presentación que de Innopharma fixeron os seus responsables, os docentes da USC Mabel Loza e Ángel Carracedo. A continuación desenvolvéronse as sesións de relatorios do panel relacionado coas enfermidades raras e neurolóxicas. Xa pola tarde terá lugar o dedicado a metabolismo e inflamación.

A xornada deste martes 23 comezará coa discusión de terapias para o cancro e, logo de tratar pola tarde a cuestión das openlab, rematará ás 17.00 horas cun acto oficial de clausura que presidirá o reitor da USC, Juan Viaño, e no que tamén participarán o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e a secretaria xeral de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación do Ministerio de Economía, Luisa Poncela.

Referente internacional

A plataforma, con sede no CiMUS (Centro singular de Investigación de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC), pretende constituírse nun referente internacional no sector que permita crear tecido produtivo fomentando a transferencia de coñecemento e impulsando a creación de novas empresas baseadas neste co propósito de xuntar as capacidades público-privadas do sector biofarmacéutico nun marco de innovación aberta.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.