A noticia da semana… O CiTIUS participará nun proxecto europeo para acelerar o desenvolvemento de cidades intelixentes

Obter unha ferramenta para mellorar a eficiencia enerxética e a planificación sostible das cidades europeas; ese é o obxectivo do proxecto PLEEC (Planning for Energy Efficient Cities), unha investigación na que participarán 13 países europeos, representados por 18 socios, entre os que se atopa o CiTIUS. A iniciativa vén de ser aprobada pola Comisión Europea no marco do programa FP7 (Framework Programme for Research and Technological Development), e nela participarán tamén investigadores do IIT (Instituto de Investigacións Tecnolóxicas) e os departamentos de Matemática Aplicada e Estatística da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Tomando como modelo a metodoloxía aplicada pola Unión Europea (UE) para a clasificación das cidades intelixentes -ou Smart Cities-, o proxecto centrarase en aspectos clave para o desenvolvemento das cidades, tales como: sistemas enerxéticos; redes de enerxía eléctrica, de calefacción e refrixeración ou de auga (tanto potable como augas residuais); recollida, tratamento e reciclaxe de residuos; uso da enerxía; construción de edificios, transporte eficiente ou mobilidade. Asemade, serán tamén obxecto de estudo factores a ter en conta neste novo modelo, como o o exercicio de goberno ou o comportamento cidadán.

A análise realizarase nas 6 cidades europeas que participan no consorcio (Estkilstuna -Suecia-, Jyväskylä / Turku -Finlandia-, Tartu -Estoniana-, Stoke-on-Trent -Reino Unido- e Santiago de Compostela -España-), e permitirá obter unha metodoloxía de planificación integrada para o desenvolvemento e a evolución das cidades, dun xeito máis eficiente e sostible. Esta metodoloxía porase a disposición do resto de cidades europeas, co obxectivo de facilitar a redución do seu impacto ambiental e avanzar así cara aos resultados do Programa Marco Horizonte 2020, fixados pola UE.

O proxecto foi presentado recentemente a nivel local, e conta cun orzamento global de 4 millóns de euros, financiados polo 7º Programa Marco de I+D da Unión Europea (Framework Programme for Research and Technological Development – FP7).Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.