A Noticia da Semana …. AQUAENVEC, un proxecto no que participa Campus Vida, mellor proxecto en desenvolvemento para a Comisión Europea

O proxecto AQUANVEC no que participa Campus Vida-Universidade de Santiago acaba de ser galardoado co premio ao mellor proxecto europeo na categoría ‘En desenvolvemento’ que outorga a Asociación de Proxectos Europeos da CE. A cerimonia de entrega do premio, na que tamén o recibirán os gañadores das categorías de ideas e proxectos finalizados, terá lugar o xoves 6 de xuño en Bruxelas. 

LIFE ‘Assessment and improvement of the urban water cycle eco-efficiency using LCA and LCC’ (AQUAENVEC) céntrase no estudo tecnolóxico, económico e ambiental do ciclo da auga urbana; en concreto das fases de captación, potabilización, redes de sumidoiro, tratamento e vertedura. O obxectivo final do proxecto, cun financiamento de millón e medio de euros, é dotar aos concellos dunha ferramenta multicriterio que lles permita optimizar o ciclo da auga na procura da sustentabilidade.

O proxecto coordínao a Fundación CETaqua do Grupo AGBAR (Barcelona) coa participación de 30 investigadores e técnicos da USC, as Autónomas de Barcelona e Valencia e Aquagest. Na USC a coordinación recae no profesor Gumersindo Feijoo, do Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química.

Eco eficiencia do ciclo urbano

Dado que o 80% da cidadanía europea vive nas zonas urbanas, as cidades son a clave para a sustentabilidade do medio ambiente. Nese contexto, e coa lexislación vixente, a Estratexia Europa 2020 é un elemento crucial que tratará de reducir nun 20% as emisións de gases de efecto invernadoiro e o consumo de enerxía. Enmarcado nisto, o ciclo urbano da auga tamén debe limitar o seu impacto ambiental –asociado ao consumo de enerxía, uso de produtos químicos e xeración de residuos– á vez que debe proporcionar un subministro fiable de auga potable.

Como resposta a este desafío, o proxecto AQUAENVEC propón –co horizonte no ano 2014– combinar a avaliación ambiental e a análise do impacto económico nun amplo estudo da eco eficiencia do ciclo urbano da auga.

O Biogrup

O grupo Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC (Biogrup) desenvolve na actualidade actividades de investigación en cinco programas diferentes, tres deles financiados pola Unión Europea. As súas liñas de estudo céntranse na aplicación de fungos e as súas encimas para a degradación de compostos contaminantes, no desenvolvemento e control das tecnoloxías para o tratamento de augas residuais, na xestión ambiental como a Avaliación do Ciclo de Vida, Ecodeseño e a pegada de carbono ou o tratamento biolóxico dos compostos orgánicos volátiles nas emisións de gases.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.