A noticia da semana…A USC e Campus Vida participan activamente no deseño da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia.

Galicia xuntos cos axentes socio-económicos do territorio enfrontase a unha tarefa importante neste ano 2013, trazar unha Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3). A RIS3 pretende definir as prioridades estratéxicas do país para o período 2013-2020 co obxectivo de provocar unha transformación económica do país baseada no coñecemento intelixente ó mesmo tempo que de resposta ós principais retos e desafíos económicos, sociais e medioambientais ós que se enfronta.

As RIS3 parten da idea de que é necesario concentrar os recursos económicos e do coñecemento nunha serie limitada de ámbitos ou actividades particulares nos que se posúa ou se poida desenvolver unha masa crítica suficiente para ser competitivos a nivel internacional. Non se trata das tradicionais políticas top-down (dirixidas exclusivamente dende as autoridades públicas) senón que entraña un proceso de aprendizaxe emprendedor, no cal se trata de descubrir que é o que un país ou rexión pode facer mellor en termos de I+D+I. Para isto a Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) puxo en marcha un proceso interactivo no cal participen tódolos axentes do sistema de innovación tanto de carácter público coma privado na identificación destes nichos particulares de especialización.

As universidades perfílanse como elementos centrais no proceso, e en particular en Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, líder no país tanto na produción do coñecemento coma na mobilización dos recursos de I+D+i. A USC, a través de Campus Vida é un vector central de dinamización sobre todo en ámbitos de especialización emerxentes ligados ó ámbito da saúde así coma ós sectores máis tradicionais (alimentación, agricultura, xestión forestal, pesca e acuicultura).

Por outro lado, a USC tamén asume de maneira responsable a súa contribución ós importantes desafíos medioambientais e enerxéticos que afectan a Galicia e ó seu tecido produtivo así coma o desenvolvemento dun sector servizos onde o turismo e a industrial cultural sexan importantes dinamizadores do crecemento económico.

Finalmente, cabe destacar tamén a súa aportación ó desenvolvemento das tecnoloxías da información e comunicación (TIC) así coma da nanotecnoloxía e novos materiais para a súa aplicación tanto ás actividades tradicionais coma emerxentes de Galicia.

Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.