A noticia da semana…A USC acada a 1ª posición europea nas áreas de Matemáticas e Computación

A Universidade de Santiago vén de apuntalar o seu liderado na área de Matemáticas e Computación. Así o confirma o prestixioso Ranking CWTS 2013 (http://www.leidenranking.com/ranking), recentemente publicado pola Universidade de Leiden (Países Baixos).Ranking CWTS 2013 é o resultado dunha análise bibliométrica que mide a calidade científica das 500 mellores universidades do mundo, e está baseado nas publicacións indexadas na Web of Science no período 2008-2011.

Este ranking sitúa a USC como a terceira mellor de España segundo o impacto da súa produción, unha notable posición que medra considerablemente no caso das disciplinas máis vinculadas á actividade do CiTIUS, como Matemáticas ou Computación; nestes casos, a USC sitúase como 4ª universidade europea e 1ª nacional.

Con respecto a outros indicadores que miden a calidade da produción científica, os resultados da Universidade de Santiago son aínda máis salientables. No número medio de citas das publicacións (isto é, o promedio de ocasións nas que outros autores citan unha publicación da USC), a universidade compostelá emerxe como 1ª nacional e 2ª europea, acadando a primeira posición continental cando se toman os resultados normalizados deste indicador.

A continuación recóllense algúns dos datos publicados no Ranking CWTS 2013:

Área de Matemáticas e Computación
Indicador Europa España
Número medio de citas normalizado  1ª posición 1ª posición
Número medio de citas das publicacións 2ª posición 1ª posición
Proporción de publicacións da universidade que están entre o 10% de publicacións máis citadas, en comparación coas publicacións do mesmo campo e ano 4ª posición 1ª posición

Estes resultados avalan a calidade da investigación realizada na USC na área de Tecnoloxías da Información, decote recoñecida polos diferentes indicadores utilizados para a medición da produción científica. Un deles é o prestixioso Ranking ISI, que sitúa a USC como 2ª universidade nacional no que atinxe á calidade da investigación.

Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.