A noticia da semana… A Deputación de Pontevedra premia a un investigador do CiTIUS por un traballo que mellorará os sistemas de MeteoGalicia

O investigador Alejandro Ramos Soto, actualmente en fase de tese doutoral no CiTIUS, foi galardoado cun dos Premios de Investigación que cada ano concede a Deputación de Pontevedra, unha iniciativa para promover e estimular o coñecemento científico na provincia. O premio recoñece a achega do investigador a área das novas tecnoloxías, co seu traballo «Computación flexible para a mellora dos sistemas de información meteorolóxica de Galicia», e será entregado hoxe, ás 20:00, no salón de actos da Deputación Provincial.

Facer intelixible o inintelixible

O traballo céntrase na creación de descricións lingü.sticas a partir de datos numéricos, seguindo a liña de investigación desenvolvida na tese «Computación con percepcións para a descrición lingü.stica de procesos complexos a través da análise de series temporais de datos». Este campo de estudo aborda a problemática de explicar en linguaxe común as complexas series de números derivadas dos cálculos efectuados en disciplinas como a meteoroloxía, onde cada día se tratan as inxentes cantidades de datos que permiten facer predicións a curto e medio prazo.

Estas predicións realízanse despois de descifrar a información tirada dos cálculos numéricos; non obstante, á hora de xerar descricións a máquina non é quen de traducir todos eses datos á linguaxe natural que os faga comprensibles, polo que segue sendo necesaria a intervención humana no proceso. Isto impón unha serie de limitacións ao sistema, como a obriga de restrinxir o ámbito da predición ao conxunto do territorio da Comunidade Autónoma, xa que sería inviable multiplicar o número de predicións polo total de concellos (no caso de Galicia, 314).

Para superar esta barreira e mellorar a plataforma web que serve estes datos aos usuarios, o traballo presenta un algoritmo que permite traducir en texto, de xeito completamente automático, a información numérica, o que facilitará a implementación desta nova ferramenta en servizos como MeteoGalicia, que xa mostrou o seu interese pola tecnoloxía desenvolvida no estudo, de cara a ofrecer diariamente aos seus usuarios predicións meteorolóxicas especificas do ámbito local.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.