A investigadora do CiMUS María José Alonso ingresa hoxe na Real Academia Galega das Ciencias

María José Alonso, investigadora principal do CiMUS e Catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, ingresará hoxe como nova Académica Numeraria na Real Academia Galega das Ciencias. O acto terá lugar ás 19:00 no Salón de Actos do Pazo de San Roque (San Roque, n.º 2), e constitúe un recoñecemento ao seu extenso labor no ámbito da investigación farmacéutica e ao seu compromiso coa Ciencia en beneficio da comunidade.

Formada na USC, a Universidade París Sur (1987), a Universidade de Angers (1989) e o Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT) (1991-92), lidera dende 1992 un laboratorio de investigación pioneiro en España no ámbito da nanomedicina.

mjalonso2Dirixiu e coordinou numerosos proxectos de investigación financiados por entidades de relevancia internacional, tales como a OTAN, a OMS, a Comisión Europea e a Fundación “Bill & Melinda Gates”. O impacto do seu traballo foi reflectido en publicacións científicas de alto nivel, o que lle permitiu alcanzar o 9º posto no ranking mundial do Times Higher Education na área de Farmacoloxía e Toxicoloxía en 2011.

Recibiu numerosos recoñecementos, entre eles o premio Jaime I de novas tecnoloxías e o Maurice Marie Janot, da Sociedade Internacional de Tecnoloxía Farmacéutica. É académica da Real Academia Nacional de Farmacia e da Academia de Farmacia de Galicia.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.