22 embaixadores da Unión Europea en España coñecen o valor de investigar no Campus Vida

Baixo o lema ‘O valor de investigar’, vinte e dous  embaixadores da Unión Europea en España reuníronse este luns na USC/Campus Vida. O encontro, celebrado no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS, no Campus Vida), comezou coa intervención do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, do embaixador de Irlanda, Justin Harman, e do reitor Juan Casares, que presentou un video realizado polos grupos de investigación e partners do Campus Vida/USC sobre a súa capacidade para xerar valor empresarial, económico e social. 

A continuación, despois de que Justin Harman felicitase á Universidade polo Campus de Excelencia Internacional e polo posto que ocupa entre as mellores de Europa, segundo os distintos ránkings,  a comitiva visitou o CiMUS guiada por investigadores líderes da USC que lle achegaron coñecemento directo dos proxectos e avances en investigación biomédica e desenvolvemento de medicamentos que se levan a cabo no centro.

No acto estiveron os vicerreitores de Investigación e Innovación e de Relacións Exteriores e Internacionalización , Francisco González García e Victor Millet Schröder, respectivamente, o director do CiMUS, Carlos Dieguez, e un nutrido grupo de investigadores dos proxectos ‘ Nanomedicina: Nanotecnoloxías aplicadas ao deseño de sistemas de liberación de fármacos’ e `INNOPHARMA: Plataforma de Farmacoxenómica para o descubrimento temperá de medicamentos´, así como outros que traballan e lideran investigacións punteiras internacionalmente, nos campos da obesidade, a neuroendocrinoloxía e a oncoloxía.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.