Carme Pamín, de GalChimia: “Campus Vida é unha iniciativa fundamental para potenciar o crecemento do sector de Ciencias da Vida en Galicia”

Carme Pampín é co-fundadora e CEO de GalChimia, empresa galega líder en España de Química Orgánica Sintética que nos últimos seis anos completou máis de 500 proxectos relativos a Drug Discovery e máis de 30 proxectos no campo de Desenvolvemento de Procesos.

GalChimia está intimamente relacionada á Universidade de Santiago de Compostela, xa que  é unha spin-off da USC, e coa xestación do Campus Vida, tamén ao proxecto que lle valeu o recoñecemento de Excelencia Internacional o pasado ano á USC. Cal é a súa valoración do proxecto Campus Vida?

O Campus Vida é unha iniciativa fundamental para potenciar o crecemento do sector de Ciencias da Vida en Galicia. Tamén permitirá fomentar a colaboración público-privada entre o gran número de grupos de excelencia da Universidade e empresas do sector biotec, tanto spin-offs coma empresas xa constituidas, que busquen un entorno propicio e con potencial para xerar sinerxias.

-Cal é o perfil dos investigadores que traballan en GalChimia?

Todos son especialistas en Química Orgánica, con anos de experiencia en investigación tanto na universidade como na empresa.  Podemos dicir que contamos cun equipo que ten  experiencia en practicamente toda a cadea de valor de Química Médica: desde as etapas temperáns de descubrimento molecular (Drug Discovery) ata as máis avanzadas de desenvolvemento do proceso e manufactura de produto (Process Development e CMC). En canto á titulación, o 50% dos nosos investigadores teñen un doutorado en química.

Como cre que debe ser o modelo de cooperación entre a investigación na Universidade e as empresas? Que bota de menos no modelo actual de cooperación coa USC?

O modelo actual de cooperación entre a USC e as empresas é o do proxecto puntual de investigación, que está deseñado para resolver problemas puntuais e desenvolver solucións específicas. É un modelo moi enfocado á transferencia de coñecemento dende a Universidade ás empresas, cunha duración relativamente curta. Pero no campo das Ciencias da Vida os proxectos son de longa duración. Hai que ter en conta que o tempo mínimo para poñer un fármaco no mercado é de 12-15 anos. Un modelo máis desexable sería o de unidades mixtas de investigación, onde ambos socios desenvolven as súas capacidades e adquiren coñecemento de xeito paralelo, desenvolvendo unha serie de proxectos nun prazo de tempo máis longo.

Como valora a creación de mecanismos como  o programa Uniemprende en termos socio-económicos?

A existencia de modelos colaborativos entre a empresa e a universidade é fundamental á hora de potenciar as sinerxias entre ambos mundos. O programa Uniemprende é unha ferramenta extraordinaria para dar o salto desde a universidade á empresa e acompañar aos emprendedores que desexan desenvolver unha idea de negocio no entorno investigador.Facebooktwitterlinkedinmailby feather

Comments are closed.